14 agosto, 2009

Calendario escolar curso 2009/2010



Orde do 15 de xuño de 2009 pola que se aproba o calendario escolar para o curso
2009/2010, nos centros docentes sostidos con fondos públicos.


A disposición adicional quinta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4
de maio) establece que as administracións educativas fixarán anualmente o calendario escolar
e que este comprenderá un mínimo de 175 días lectivos para o ensino obrigatorio.
Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino
regrado son competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e co
obxecto de fixar o calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2009/2010
nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por
proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa,
DISPOÑO:
Capítulo I
Calendario escolar
Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase o calendario escolar para o curso 2009/2010 coas especificacións que se sinalan.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
Esta orde é de aplicación en todos os centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia
sostidos con fondos públicos.
Artigo 3º.-Duración do curso académico.
1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de
2010.
2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 4 como máximo realizaranse as probas
correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2008/2009 para o alumnado de
educación secundaria obrigatoria e bacharelato.
3. As sesións de avaliación e a entrega de cualificacións da devandita convocatoria
extraordinaria poderán realizarse ata o día 8 de setembro, incluído.
4. Sen prexuízo do establecido no artigo 10º desta orde, nos días en que se celebren as probas
extraordinarias será de aplicación o punto 107 das instrucións que regulan a organización e o
funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de
1997 (DOG do 2 de setembro), o punto 127 das instrucións que regulan a organización e o
funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000
(DOG do 2 de novembro) Para tal fin, as direccións dos centros elaborarán o correspondente
horario de gardas.
5. O alumnado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato que non puidese
matricularse no prazo ordinario poderá facelo no prazo extraordinario, que rematará o día 10
de setembro de 2009, incluído.
Artigo 4º.-Comedores escolares dos centros públicos.
Os comedores escolares funcionarán en educación primaria desde o día 10 de setembro de
2009 ata o 22 de xuño de 2010. En educación secundaria obrigatoria funcionarán desde o 17
de setembro de 2009 ata o 23 de xuño de 2010.
Artigo 5º.-Actividades lectivas.
1. No 2º ciclo de educación infantil, na educación especial e na educación primaria, as
actividades lectivas realizaranse do día 10 de setembro de 2009 ao 22 de xuño de 2010,
ambos os dous inclusive.
2. Na educación secundaria obrigatoria, no bacharelato, en formación profesional e
ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 17 de
setembro de 2009 e o 23 de xuño de 2010, ambos os dous inclusive. Non obstante o anterior,
para o segundo curso de bacharelato as actividades lectivas ordinarias rematarán de acordo
coas datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.
Artigo 6º.-Períodos de vacacións.
1. Nadal: desde o día 23 de decembro de 2009 ata o día 7 de xaneiro de 2010, ambos os dous
inclusive.
2. Semana Santa: desde o día 29 de marzo ata o 5 de abril de 2010, ambos os dous inclusive.
3. Entroido: días 15, 16 e 17 de febreiro de 2010.
Artigo 7º.-Días non lectivos.
1. Son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Traballo da Xunta de
Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto
1346/1989, do 3 de novembro (BOE do 7 de novembro) e as festas laborais de carácter local
publicadas por resolución da antedita consellería.
2. Nos centros en que unha ou as dúas festas laborais de carácter local, ás cales se refire o
punto anterior, non coincidan con días de clase, os consellos escolares ou, no seu defecto, os
responsables dos centros de menos de tres unidades poderán solicitar, segundo proceda, un ou
dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando
razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. Esta petición deberá facerse antes
do día 31 de outubro de 2009, perante o xefe territorial da Consellería de Educación e
Ordenación Universitaria, quen, logo de informe da Inspección educativa e dos que coide
oportunos, resolverá o que proceda.
É recomendable que os centros da mesma localidade elixan, de ser o caso, os mesmos días
non lectivos, para o que se buscará o consenso entre todos os centros para a súa selección.
3. Ademais dos anteriores, sen prexuízo do establecido no artigo 8º.2 e co fin de unificar a
celebración dos patróns de cada nivel educativo, establécese o día do ensino coa
consideración de non lectivo para efectos académicos e que no curso 2009/2010 se celebrará o
8 de xaneiro de 2010.
Artigo 8º.-Conmemoracións.
1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:
-Do 1 ao 11 de decembro de 2009: conmemoración da Constitución e do Estatuto de
autonomía de Galicia.
-10 de decembro de 2009: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
-30 de xaneiro de 2010: Día da Paz.
-8 de marzo de 2010: Día Internacional da Muller Traballadora.
-15 de marzo de 2010: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
-Do 8 ao 12 de marzo de 2010: Semana da Prensa. Un día desta semana traballarase na aula
con xornais.
-Entre o 12 ao 30 de abril de 2010: Día do Libro.
-7 de abril de 2010: Día Mundial da Saúde.
-9 de maio de 2010: Día de Europa.
-Do 18 ao 21 de maio de 2010: Semana das Letras Galegas.
-5 de xuño de 2010: Día Mundial do Ambiente.
2. Cando algunha das datas a que se refiren os puntos anteriores sexa sábado, domingo,
festividade local ou estea incluída nalgún dos períodos de vacacións establecidos no artigo 6º
desta orde, a correspondente conmemoración celebrarase o día lectivo inmediatamente
anterior ou posterior segundo estableza a programación xeral anual.
3. As datas a que se refire o punto 1 son lectivas para todos os efectos e nelas os centros
deberán organizar actividades diversas, tendentes a salientar a importancia das referidas
conmemoracións.
Capítulo II
Inicio do curso

Artigo 9º.-Actividades de programación.
1. Desde o día 1 de setembro ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos,
ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica
correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración
da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e concrecións de
currículos, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras
actividades estean relacionadas coa organización do curso. Neste período os
departamentos didácticos e os equipos de ciclo, baixo a coordinación e dirección do
respectivo xefe de departamento ou coordinador de ciclo, dedicaranse a elaborar a
programación didáctica das ensinanzas correspondentes ao ciclo, ás áreas, materias ou
módulos integrados no departamento e a organizar o curso escolar.
2. As direccións dos centros, a través da xefatura de estudos, velarán porque o
profesorado realice as funcións do punto anterior.
3. Previo ao inicio de curso, o profesorado responsable de cada departamento e da
coordinación de ciclo fará entrega da programación didáctica á xefatura de estudos.
A dirección do centro remitirá as programacións docentes á inspección educativa, que
comprobará a súa adecuación ao establecido nas disposicións vixentes e formulará as
suxestións que coide oportunas, indicando as correccións que procedan.
4. Ao inicio de curso, o profesorado responsable de cada departamento e da coordinación
de ciclo elaborará información básica relativa á programación didáctica, que dará a
coñecer á comunidade educativa seguindo o procedemento establecido no centro para
garantir a súa publicidade. Así mesmo, o profesorado informará ao alumnado das
programacións docentes da súa área ou materia. Esta información básica incluirá os
obxectivos, contidos e criterios de avaliación do ciclo ou curso correspondente, os
mínimos esixibles para obter unha valoración positiva, os criterios de cualificación e
os procedementos de avaliación da aprendizaxe que se vaian utilizar.
Artigo 10º.-Xornada escolar.
1. A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e
niveis.
2. Aqueles centros que combinen o servizo de transporte escolar con outros centros deberán
establecer, coa autorización do xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, lles permita garantir o axuste e a
perfecta coordinación dos centros con este servizo. Estes centros comunicaranlle ao xefe
territorial a proposta de horario escolar para o curso 2009/2010, que deberá resolver antes do
inicio das clases.
3. A xornada matinal nos centros que a tivesen concedida pola xefatura territorial para os
meses de xuño e setembro do ano académico 2008-09 considérase prorrogada para o curso
2009-10 en iguales termos, sempre que non variasen as circunstancias nas que foi concedida.
Capítulo III
Final de curso

Artigo 11º.- Centros que impartan educación infantil, educación primaria, e educación
especial.

1. Actividades non lectivas.
O período comprendido entre o 23 e 30 de xuño de 2010, ambos os dous inclusive, será
dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elaborar as actas de avaliación, os
informes individualizados, os informes para as familias e os documentos de avaliación que
corresponda. O profesorado dedicará especial atención á análise e valoración de resultados da
avaliación do rendemento académico do alumnado. Todo o profesorado dos centros públicos
permanecerá no centro ata o día 30 de xuño de 2010 inclusive.
Nese período de tempo, logo de autorización da inspección educativa, a dirección poderá
adecuar o horario do profesorado de acordo coas actividades programadas.
2. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.
Sen prexuízo do anterior, as direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións
contra as cualificacións finais, ou decisións de promoción, realizadas dentro dos prazos
previstos no punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se
regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación
infantil, dos colexios rurais agrupados, dos colexios de educación primaria e dos colexios de
educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria (DOG do 2 de setembro), para o alumnado de educación infantil e primaria.
Artigo 12º.- Centros que imparten educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación
profesional e ensinanzas de réxime especial.
1. Calendario final do curso.
Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o
final de curso 2009/2010, de acordo coas instrucións que seguen.
As direccións dos centros citados enviaranlles aos servizos provinciais de Inspección
educativa, antes do día 1 de maio de 2010, un resumo do calendario aprobado polo claustro
conforme os modelos recollidos nos anexos I, II, III ou IV. As inspeccións comunicaranlles as
modificacións, se for o caso, aos centros que proceda antes do 15 de maio de 2010 para que as
direccións as dean a coñecer ao profesorado para o seu cumprimento.
Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír
as actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta,
recuperacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso.
2. Probas finais.
2.1. O alumnado da ESO e de 2º de bacharelato con disciplinas pendentes de cursos anteriores
será convocado, se é o caso, a unha proba final durante o mes de maio de 2010.
2.2 Naqueles centros ou ensinanzas que contemplen a realización de probas, a dirección do
centro deberá propor as datas correspondentes ao xefe territorial, para a súa autorización.
3. Sesións de avaliación.
3.1. As sesións de avaliación final do alumnado da ESO, do primeiro curso de bacharelato e
do primeiro curso de Formación Profesional deberán realizarse a partir do día 23 de xuño de
2010.
3.2. As sesións de avaliación final do alumnado do segundo curso de bacharelato adecuaranse
ás datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.
3.3. Para as sesións de avaliación final do resto do alumnado, a dirección do centro deberá
propor as datas correspondentes ao xefe territorial para a súa autorización.
4. Horario do profesorado.
4.1. Unha vez realizadas as avaliacións finais do segundo curso de bacharelato, impartiranse
as clases nas disciplinas obxecto das probas de aptitude para o acceso á universidade ata a
realización das citadas probas. Con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para
introduciren modificacións nos horarios do profesorado e grupos de alumnado afectados,
asignándolle ao profesorado as horas en que deixen de impartir a súa materia a tarefas da súa
responsabilidade, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se
consideren necesarias.
4.2. Así mesmo, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións
nos horarios do profesorado afectado pola formación en centros de traballo, asignándolle ao
profesorado as horas nas que deixen de impartir os módulos da súa competencia a tarefas da
súa responsabilidade, segundo o cargo ou posto que desempeñe, incluídas as gardas que se
consideren necesarias.
4.3. Sen prexuízo do expresado nos puntos 4.1 ao 4.2 anteriores, o profesorado dos institutos
de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 23 de xuño de 2010
incluído. A partir dese día e ata o día 30 inclusive, as direccións dos institutos de educación
secundaria poderán modificar os horarios do profesorado para adecualos ás actividades
establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección educativa
(entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean
relacionadas co final de curso).
O profesorado dedicará especial atención á análise e valoración de resultados da avaliación
do rendemento académico do alumnado, que deberá incluírse na memoria final de curso coas
propostas de mellora que correspondan. Así mesmo, esta memoria incluirá propostas de
modificación as programacións docentes, especialmente no que se refire a mínimos esixibles,
estratexias metodolóxicas e criterios de cualificación, promoción e titulación.
4.4. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime
especial poderán adaptar os horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro.
Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de
permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.
5. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.
As direccións dos centros deben garantir a atención ás reclamacións contra as cualificacións
finais, de conformidade co procedemento establecido na seguinte normativa ou na normativa
posterior que a substitúa, e na que lle resulte aplicable:
Orde do 28 de agosto de 1995 pola que se regula o procedemento para garantir o dereito dos
alumnos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato a que o seu rendemento escolar
sexa avaliado conforme a criterios obxectivos (BOE do 20 de setembro), para educación
secundaria obrigatoria e primeiro curso de bacharelato.
Orde do 17 de abril de 1997 pola que se establece o procedemento que cómpre seguir nas
reclamacións das cualificacións outorgadas no segundo curso do bacharelato establecido na
Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (DOG do 26
de maio), para o 2º curso de bacharelato.
Orde do 30 de xullo de 2007, pola que se regula a avaliación e acreditación académica do
alumnado que cursa as ensinanzas de formación profesional inicial (DOG do 9 de agosto),
para formación profesional.
Orde do 25 de abril de 2007 pola que se regula a avaliación, a acreditación académica e a
mobilidade do alumnado que cursa as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de
conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do
9 de maio), para as ensinanzas superiores de artes plásticas e deseño e as de Conservación e
Restauración de Bens Culturais.
Orde do 11 de febreiro de 2008, pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado
que cursa as ensinanzas profesionais de danza que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3
de maio, de educación (DOG do 25 de maio), para as ensinanzas profesionais de danza.
Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado
que cursa as ensinanzas profesionais de música que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do
3 de maio, de educación (DOG do 26 de maio), para as ensinanzas profesionais de música.
Orde do 24 de xullo de 1991 pola que se regula a organización das actividades docentes nos
centros de bacharelato, formación profesional e institutos de educación secundaria e
profesional (DOG do 28 de agosto), no punto 10.2º, para o restante alumnado de ensinanzas
de réxime especial.
Artigo 13º.-Actas de avaliación final.
1. As secretarías dos centros deberán remitirlle á xefatura territorial correspondente fotocopias
autenticadas das actas de avaliación final de todos os cursos do seu centro e dos centros
privados adscritos, se é o caso, antes do día 15 de xullo de 2010.
2. As actas correspondentes aos cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro)
enviaranse antes do día 15 de setembro de 2010.
Capítulo IV
Outras disposicións
Artigo 14º.-Memorias de fin de curso
.
1. As direccións dos centros que impartan educación infantil e/ou educación primaria
enviaranlle ao servizo provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2010, a
memoria anual do centro a que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo á Orde do 22 de
xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento
das escolas de educación infantil, dos colexios rurais agrupados, dos colexios de educación
primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro).
2. As direccións dos centros públicos integrados enviaranlle, antes do 10 de xullo de 2010, ao
servizo provincial de Inspección educativa respectivo, a memoria anual do centro a que se
refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos centros
públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan
instrucións para o desenvolvemento do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os
centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 2 de novembro).
3. As direccións dos institutos de educación secundaria enviaranlle ao servizo provincial de
Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2010, a memoria anual do centro a que se
refire o punto 43 das instrucións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos
de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de
setembro).
4. As direccións dos centros de ensinanzas de réxime especial, en aplicación da disposición
transitoria primeira da Orde do 1 de agosto de 1997, elaborarán ao longo do mes de xuño de
2010, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de
consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e
as medidas correctoras introducidas, de ser o caso. A devandita memoria, con informe do
consello escolar do centro, enviarase ao servizo provincial de Inspección na primeira semana
de xullo de 2010 e terase en conta á hora de elaborar a programación do curso seguinte, sobre
todo para programar novamente obxectivos non acadados, ou acadados parcialmente no curso
anterior, e artellar novos medios para logralos.
Disposicións adicionais
Primeira. Modificación do calendario escolar e comedores escolares.
Os xefes territoriais, por circunstancias concretas de organización, poderán autorizar a
modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas e de funcionamento dos
comedores escolares.
Calquera modificación que se lle precise facer ao calendario escolar deberá ser solicitada,
polo menos con quince días de antelación, polo centro interesado ao xefe territorial, quen,
logo do informe da Inspección educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.
Segunda.-Período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por
primeira vez ao centro.
O período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez
ao centro, a que se refiren o punto 1.8º do capítulo VI do anexo á Orde do 22 de xullo de
1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das
escolas de educación infantil, dos colexios rurais agrupados, dos colexios de educación
primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro), e o punto 53 das instrucións
que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas
pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do
Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas
non universitarias (DOG do 2 de novembro), terá a mínima duración posible que permita
acadar os seus obxectivos, non podendo prolongarse con posterioridade ao 25 de setembro de
2009.
Disposición derradeira
Única.-Entrada en vigor.
Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2009.
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria