Todo comezou ás 15:30 cando unha arrepiante meiga sementou o pánico no salón de actos da escola.
A partires de entón as imaxes e esceas de terror sucedéronse a esgalla: primeiramente unha recua de pantasmas e espectros do 3º ciclo interpretaron a canción "Noite de Samaín" con percusión incluída facéndonos tremer de emoción.
A continuación foi a quenda dos pequenos grandes monstros de E. Infantil que bailaron e cantaron terrorificamente ao son da canción "Buenas noches señor monstruo".

De seguido, o alumnado de 1º ciclo deleitounos cunha sentida dramatización do conto "Samaín" amosándonos o valor dunha boa lectura ás escuras. 

Finalmente, o alumnado de 2º ciclo encargouse de despedir o festival cun arrepiante tema de creación propia "Doce pesadelo de Samaín".

Para que non decaese o ánimo, a festa continuou no cemiterio do colexio (pavillón) onde os maléficos especialistas nos tiñan preparados uns diabólicos xogos.



